Categorías
Mis Cosas

Fuco. Historia dun Pantasma (Gallego)

 

Nunha aldea de Galicia, da que non quero lembrarme, naceu hai xa uns anos, Fuco da Martiña. Non se sabe o porqué, pero ninguén soubo nunca os apelidos do rapaz. Nín sequera sabían os da súa nai: Marta. Así foi coñecido no lugar, como Fuco, fillo da Martiña, de pai descoñecido.

Fuco, naceu parvo, viviu parvo e morreu parvo. Iso era o que pensaban os veciños da aldea. De xeito, estaban bastante errados.

Non era parvo, quizais de pensamento lento. De poucas palabras, só abría a boca cando era necesario, e non falaba por falar. Gustáballe moito a natureza e pasaba a maior parte do tempo no monte, saltando valados, correndo polos eidos e xogando coa auga dos regatos. De seguro que o seu nacemento, tivo algo que ver.

Naceu no monte, a finais do verán. Súa nai, estaba apañando fento, cando comezaron as contraccións. Debería nacer case quince dias máis tarde, pero parece ser que tiña présa. Tanta présa, que cando súa nai rompeu augas, namentres, corría monte abaixo ata o camiño, tivo que apertar as pernas, porque o neno saía só. E así naceu Fuco. Só, á beira do camiño, entre un regato de augas cantadeiras e o valado que o separaba do monte. Onde os eucaliptos e os piñeiros, abarrelaban ao son do vento, arrolando ao recente nado.

A sorte quixo que aos poucos minutos, pasase polo camiño, un veciño que viña co carro de bois, cheo de herba. Este foi o primeiro viaxe do Fuco, nos brazos da nai, rodeado pola herba cortada de finais do verán, coa humidade do orballo ainda pegada, e con ese cheiro característico á terra, á semente e á frescura. Moitos anos despois, ao cheirar a herba fresca, un calafrío percórrelle o corpo ao recordalo.

Foi pouco tempo á escola. No verán non había, por vacacións e no inverno, o mal tempo, non deixaba percorrer a pé, os quince kilómetros que o separaban da escola. Os poucos días que asistiu, pasounos cos xeonllos pegados o chan. Ao mestre, pouco lle importaban as razóns de Fuco para non ir. Sabía escribir malamente, e ler un pouco, aínda que con lentitude.

O que si sabía era de plantas e herbas. Cando sementalas e face-la colleita, e como facer enxertos e mesturas entre distintas especies. Coñecía cada árbore do bosque, cada matogueira, cada anaco de pedra, cada recuncho. Sabía onde agocharse durante días, onde beber auga fresca, e onde recoller as mellores pezas de froita. Sabía de covas e currunchos. Nacentes de auga e regatos.

Unha das cousas que máis lle gustaba, era pasar horas e horas, nun vello muíño abandonado, Pouco a pouco, fíxoo funcionar. Aínda que non moía nada, encantáballe ver xirar as enormes rodas de pedra, unha contra outra, con aquel son semellante ó mastigar de enormes queixelos.

Con catorce anos, non coñecía case nada da escola, pero moito da natureza. E con catorce anos a vida de Fuco, sufriu un duro cambio, cando súa nai, por culpa dun cancro de ovarios, fixo o longo viaxe da morte.

Fuco tivo que ir vivir co seu avó, a unha aldea de Mazaricos. O avó, apenas coñecía ao rapaz, viúvo desde hai anos, pasaba a vida entre trago e trago de augardente, tantos grolos como lle daba a pensión que cobraba o día cinco de cada mes. A augardente non era moi cara. Pasábase bébedo día si e día tamén. Fuco, pasou de coidar á súa nai enferma, a coidar do seu avó alcohólico. Ao final pasaba o dia só.

Como as bebedeiras do avó, eran roncadas durante moito tempo. Comezou a coñecer os bosques e leiras da zona. A vila estaba no alto da montaña, e dende ela mirábase o mar, ao lonxe. A primeira vez que o viu quedou asombrado, pensando de onde viña tanta auga.

 Aos poucos meses, decatouse de que o seu avó, non sabía sequera que o seu neto estaba a vivir con el. Podía faltar durante moito tempo, que o avó Aniceto, nin conta se daba. Comezou a facer excursións, cada vez máis lonxe. Deixaba ao alcance do vello unhas cantas botellas de augardente, por se espertaba.

Nun pequeno macuto, de tea de saco, levaba un pouco de queixo, chourizo e pan, e pasaba varios días vagando polos montes e rochas da montaña. Na zona había moitos penedos, e moito gando, pero as leiras non lle agradaron tanto. Cheiraban mal: A esterco e a detrito. Decidiu baixar ao mar. A costa de Carnota.

A primeira vez que puxo os pés sobre a area, chorou de emoción e ledicia. Quedou aparvado de tanta beleza. Estaba atardecendo, e o sol reflectíase sobre a auga do mar. Un conxunto de cores laranxas e dourados. O son das ondas rompendo coa area. A auga fresca filtrándose polos dedos dos pés e a suave brisa con olor a peixe fresco. Esa noite pasouna durmido na praia.

Co novo día, comezou a percorrer os sete kilómetros de praia, desde Maceiras ata Caldebarcos. Canto máis paseaba pola praia, máis lle gustaba o mar. Recolleu algunha cuncha. Xogou con algas marróns e verdes. Perseguiu a un caranquexo perdido que lle pareceu un animal moi raro e parvo, xa que andaba ao revés. Non pensaba que puidese existir tanta fermosura e pensou que xa tiña visto o máis bonito do mundo.

Cando chegou á Boca do Río, volveu quedar coa boca aberta. Abraiado, sen dar creto, ao que os seus ollos estaban a contemplar. A auga do mar, escalaba pola praia, por enriba da area. Verténdose por unha ampla rexión de rochas, penedos e dunas. Enchendo decenas de pozas de auga de mar. Algunhas pequenas, como bañeiras, outras grandes, como piscinas.

Un río natural, formado pola auga de mar ao superar a praia, unía estas piscinas, xunto cun lago de auga salgada de forma circular e de case un par de kilómetros de diámetro. Despois de pasar o día entre as dunas, rochas e pozas. Volveu quedar sorprendido cando na baixamar, o enorme lago de case catro metros de profundidade, quedou seco en apenas vinte minutos, podendo pasar o outro lado tranquilamente a pé. Algúns dos charcos quedaron secos, outros con pouca auga. O río que antes levaba un caudal considerable, agora contaba con poucos centimetros e podíase vadear, sen que a auga pasara dos nocellos.

Cruzou o lago, pisando con coidado, xa que a auga se retirara había pouco tempo e o chan estaba esvaradío e húmido. No outro lado do lago, un montón de dunas de area con pouca vexetación, separaban o mar aberto do lago agora seco. Subiu enriba dun pequeno illote, espiuse e tumbouse boca arriba, a pleno sol. O astro rei queimaba con forza. A brisa que sopraba do mar refrescaba a pel, conseguindo un contraste de sentidos moi singular. A caricia da brisa e a calor do sol traballando a quendas, producíronlle unhas sensacións na pel, todas novas para el e todas sentidas a un tempo. Comezaron a amodorralo, e pouco a pouco, quedou tan relaxado, tan cheo de ledicia, que na súa mente comezou a ulir a herba fresca de cando era cativo. Nin conta se deu de que a marea comezaba a subir.

Atoparon o corpo de Fuco dúas millas mar dentro. Unha pequena embarcación que viña de recoller faneca e xurelo, tropezou co cadáver que quedou atrapado na rede. Cando as autoridades chegaron á casa do avó, para dar conta da desgraza, atoparon o corpo sen vida do vello, afogado en augardente.

Como non tiñan onde caeren mortos, literalmente falando. Meteron os cadaleitos na parte traseira dunha furgoneta e leváronos á aldea onde Fuco nacera. Alí, dentro do cemiterio local, nun curruncho de terra, baixo un castiñeiro. Onde estaba a tumba da súa nai. Enterraron, sen moita cerimonia os corpos de Fuco e do seu avó.

Tres pequenas lápidas de granito, cedidas polo concello, marcaban aquelas tumbas. Tres simples nomes, porque ninguén se preocupou de saber como se apelidaban: Marta, Aniceto e Fuco. E as datas, só as da morte, porque as do nacemento, tampouco as sabía ninguén.

Varios anos pasaron, as tumbas fóronse mergullando e mesturándose co terreo. A Choiva, e os poucos coidados recibidos, foron esvaecendo os nomes das lápidas, ata que desapareceron, non foi de súpeto, non. Foron integrándose na terra, foron disgregándose ós poucos, sen présas e sen pausas. Ata que non quedou nada, nin os montículos de terra, nin as lápidas, nada que fixese ver que, baixo aquel castiñeiro había algunha tumba.

Din as lendas, que cando un morre moi novo, sen coñecer muller. Cando o seu nome é esquecido e ninguén te lembra, cando xa non queda nin tumba que poida dar constancia da túa existencia, entón e só entón, convérteste nunha pantasma. E iso pasoulle a Fuco.

Non sabía canto tempo levaba tumbado boca arriba, dentro do cadaleito, era como se acabase de espertar, pero tamén coma se levase toda a vida alí dentro. Non tiña frío nin calor. Non tiña fame. Por non sentir nin sequera sentía que existía, simplemente que estaba alí, túmbado boca arriba nun espazo escuro e pequeno.

Ergueuse sen esforzo, coma se o seu corpo non pesase nada. Asustouse un pouco cando atravesou unha capa de madeira e terra coma se fose fume. Foi unha sensación moi rara, como se non tivese corpo, coma se estivese feito de aire, ou de gas.

Era de día, o sol queimaba con forza, Fuco estaba de pé, mirando cara ao sol, pero este non queimaba, podía mirar de cheo que nin sequera o facia pestanexar. Nunha das tumbas, unha vella estaba a limpar unha lapida e cambiando unhas flores. Fuco chamouna, pero da súa boca non saiu son algún. Chegou a pensar que estaba a soñar, pero non, todo era demasiado real para ser un sono. Achegouse a anciá das flores e tocoulle na cabeza. A man de Fuco atravesou a cabeza da muller coma se esta non estivese alí. A muller, parou o que estava a facer. Tivo un calafrio, mirou para todos os lados e persignouse, aínda que non podía ver ó Fuco, aquela muller sentira algo. Unha presenza.

Fuco decatouse ao momento. Son un pantasma.

Ser un pantasma non é doado e ao principio ata é aburrido. Mirábase as mans e os pés e parecía que estaban no seu sitio, ata tiña uñas e unha cicatriz nun dedo por unha trabada dun can. En realidade non había nada, todo estaba na súa cabeza, non tiña corpo. Pero a cousa era aínda máis rara, porque a pesar de non ter corpo, para desprazarse tiña que andar. Pensaba que as pantasmas voaban, ou se movían co pensamento. Pero a realidade, a súa realidade, era que se quería ir dun sitio a outro, non tiña máis remedio que camiñar, coma se estivese vivo.

Era aburrido. Non podía coller nada coas mans, era coma se todo estivese feito de fume. Non podía comer nin beber. Non se mollaba coa choiva. Tampouco ía o retrete. Aínda que tiña as súas vantaxes: Podías pasar todo o día espido que ninguén se ía dar conta, e podías entrar en calquera casa a espiar e decatarse de moitas cousas. Pero de que vale isto se logo non podes contarllo a ninguén. O certo é que Fuco comenzaba a aburrirse. Pasaba todo o día no monte, o mesmo que coñecía de cando era neno, pero ao non sentir nada, non podía cheirar a herba, nin sentir a aspereza da codia das árbores, nin o frescor da auga dos regatos. Un verdadeiro aburrimento, ata que un día, un home faloulle ó pasar.

Fuco estaba sentado enriba dunha rocha ó carón do camiño, simplemente vendo pasar o tempo. De cando en vez, pasaba algún carro de bois, alguhna muller cun fardo de herba na cabeza, en indudable equilibrio. Ou os rapaces que voltaban da escola, que había pouco se montara na aldea. Un vello moi vello, camiñaba lentamente apoiado nun caxato, tan estragado coma o seu dono. Aquel velliño que ía arrastrando os pés lentamente, Ó chegar á altura de Fuco parouse, mirouno fixamente, e díxolle.

_Bos días teña vostede. ¿Non cre que é de mal gusto estar nu no camiño?, Vai calor pero non creo que sexa para tanto.

Fuco quedou atónito. Asoballou o home a preguntas, que se me mira, que se me escoita. O mellor foi cando Fuco alongou a man e tocou ao homiño. Puido sentilo coma se estivese vivo. O home quería marchar pero Fuco, non deixaba que se fose, acompañouno á súa casa e fixéronse bos amigos. Todo-los días, esperábao na porta da casa e acompañábao a onde fose. Chamábase Manuel.

Ao comenzo cando lle contou o vello que era un pantasma, este non o cría. Logo comezaron a correr ruxes-ruxes de que Manuel estaba mal da cabeza, que ía polo monte falando só e daquela decatouse de que Fuco era un Pantasma. Pero tampouco lle preocupou moito. Fuco tamén descubriu, que os nenos que aínda non tiñan un ano cumprido, podían velo e tocalo. Estendían as suas manciñas para querer tocalo, e ríanse das grazas que Fuco lles facía, ante a estrañeza das nais.

Manuel, o ancián amigo de Fuco, tiña cento dous anos, aínda que non aparentase máis de oitenta. Entre paseo e paseo, conversa e conversa, Fuco e Manuel deduciron que, aos pantasmas só os poden ver: Os nenos de menos dun ano e os vellos de máis de cen. Ademais do gando e todos os animais do bosque. Para comprobar esta  hipotese, foron á aldea veciña, onde un velliño con cen anos cumpridos, aínda que peor levados que Manuel, recoñeceu e falou con Fuco.

Un día, mentres agardaba, de mañá cedo, que o seu amigo Manuel saíse da casa. Chegou un coche de defuntos. Decatouse de que non volvería a velo. Foi o enterro do seu amigo e chorou por él. Fuco volvía a estar só.

Tocara a un ser humano. Polo menos tocara a Manuel, e pensou que, se cadra, podía facelo con outras persoas, aínda que non fosen centenarios. Como o tempo libre era moito comezou a adestrarse. A tentar mover pequenos obxectos: pedras, ramas, follas. Moitos días e meses practicando sen lograr nada de nada. Ata que un día, case sen querelo, e mentres estaba a mirar a unha rapaza que se bañaba no río. Deuse de conta de que estaba a rabuñar o chan, e na zona onde comezara, había un pequeno buraco, feito polo seu dedo.

A Ledicia foi enorme, decatouse de que para mover calquera cousa, non tiña nin que intentalo, canto máis o intentaba menos o lograba. Tiña que facelo sen pensar, comezou a practicar a diario, a mover cousas, a romper follas. Ao pouco tempo xa era capaz de lanzar una pedra pequena a un par de metros, e mover de sitio cousas, non moi grandes, pero coa práctica todo se consegue.

Conseguiu moitos adiantos: Desprazarse case sen mover os pés, andar sobre a auga e que algún dos sons producidos se escoitase. Podía berrar con todas súas forzas que, o que estaba ao seu lado, soamente escoitaba un son moi lonxe e apagado, case que moitas veces, ata tiña dúbidas de se fora escoitado.

Comezou a divertirse coa xente. Na igrexa, cando estaban na misa, sopraba detrás das orellas, e todos daban a volta asustados. Ou cando volvían a casa, xa caendo a noite. Adoitaba mover algunha pedra, diante dalgún camiñante que case sempre fuxía berrando. Ou ouvear cerca dos oídos. O que máis e o que menos, levaba un bo susto.

Como os animais podían velo e escoitalo. Se o paisano levaba un can, dáballe unha patada ou un pequeno golpe, para que saíra berrando polo camiño, como se vise o demo. Iso era o que pensaban os aldeáns. Fuco, escangallábase coa risa e pasábao moi ben. Ata que chegara o día en que se rumoreaba que había unha fantasma no carreiro do bosque, e a xente deixaba de pasar.     

Cambiaba de estratexia. Metíase nunha casa e cambiaba os mobles de sitio. Abría e pechaba portas e gabetas. Prendía luces, abría billas, e de noite ouveaba entre as paredes, ou berraba na corte, para asustar aos animais. Ao cabo dun tempo máis ou menos longo, comezaban a xurdir os comentarios de que en certa casa había un espectro. E viñan expertos da Universidade a estudar esas casas, e cando eses especialistas estaban en plena faena, cos seus aparellos intentando medir, cambios na temperatura do aire e niveis de magnetismo, Fuco, desaparecía e mirábao todo dende a distancia.

Despois, cando a xente xa se esquecera do espectro, e xa non era tan popular, cambiaba de aldea e voltaba a escomezar.

Cando xa tiña máis que asustados a os aldeáns dos arredores. Decidiu dar o salto e foi á cidade. Subiu no tren, e despois de varias horas chegou a unha enorme estación ateigada de xente. Tivo que arrimarse á parede nada máis baixar do tren, porque a cantidade de xente que o estaba a atravesar era tal, que por un intre, perdeu constancia do seu corpo e non sabía onde se atopaba.

A cidade era enorme, chea de coches, autobuses, e xente. Unha marea de xente, que ía dun lado para outro. Luces por todos os lados, vermellas, amarelas, verdes. De todas as cores e tamaños. Letras de luces brillantes e cambiantes. Luces nas paredes e nos coches. Enormes casas de gran altura con miles de xanelas iluminadas por multitude de luces. Fuco, que soamente mirara un par de lámpadas na aldea e outro par de farois cunha luz amarelada, nas corredoiras. Este desprege de luz, pareceulle marabilloso.

Por primeira vez camiñou por unha beirarrúa, que gran invento, que evitaba os charcos da beira do camiño. En poucas palabras, Fuco estaba encantado de estar na cidade e pensaba, como é que non viñera antes. Foron moitos días, os que pasou coa boca aberta, impresionado polas comodidades da cidade, e dos adiantos que facían a vida mais sinxela. Encantáronlle os semáforos. E pasou todo un día, sube e baixa, nun ascensor.

Comezou a facer o mesmo que facía na aldea, e que se lle daba moi ben: Asustar á xente. Pero algo pasaba coa xente da cidade. Se lles soprabas nunha orella, batían coa man, como para espantar unha mosca e nada máis. Se poñías un obstáculo no medio do camiño, para facer que tropezasen, xiraban e seguían o seu camiño, sen darlle máis importancia. Non tiñan medo. Fixeses o que fixeses, a xente continuaba a súa vida sen pararse, nin sequera a pensar. Dentro dalgunha casa, probou a deixar portas e caixóns abertos. Pechábanos, e non lle daban máis importancia. Se abrías unha billa, simplemente a pechaban. Chegou a abrir unha porta, diante do seu dono, que chamou a un cerralleiro, para que viñera a mirar a porta, que se abría soa.

Ademais, esta xente tiña unha fala moi rara. Falaban pouco. A maior parte do tempo berraban. Discutían moito, e usaban palabras moi fortes e ásperas, para o seu ouído.

Fuco, comezou a darse conta de que estaba fóra de lugar, e botaba de menos a súa aldea. En todos os anos que pasou escoitando e asustando a xente, nunca se decatara da lingua que el falaba. Pensaba que todo o mundo falaba igual, e descubriu que non. Descubriu que falaba una lingua fermosa. Con palabras que enchían a boca. Con palabras que namoraban só con escoitalas. Con palabras que despedían tenrura. Palabras, que parecían sacadas dun conto de Tolkien: Lambiscada, feitizo, bágoa, larpeirada, bolboreta, vagalume, viraventos. Palabras milenarias. Definitivamente, o lugar de Fuco, non estaba na cidade.

Despois da súa mala experiencia na cidade, voltou a coller o mesmo tren que o trouxera, pero esta vez de volta á aldea.

Aburrido, iso era o que pensaba Fuco de ser unha pantasma. Moi aburrido. Xa perdeu a conta de cantos anos levaba asustando á xente. Cantas vilas percorrera, buscando vellos centenarios, para poder parrafear. Había poucos, e eses poucos, non duraban moito. Algúns estaban dementes, ou padecían alzheimer, e esquecíanse ao pouco de coñecelo. Outros fuxían, ou morrían directamente co susto. Algún confundiuno coa morte, e correuno a vergalladas.

En todo este tempo. Entre vila e vila, entre susto e susto, pasaba por cemiterios, e vagaba polos eidos, loitando por atopar outra pantasma, con quen poder falar e divertirse. Pero nunca topou a ninguén. Chegou a pensar, se en vez de pantasma, sería algunha outra cousa, pero non se lle ocorría o que.

Un día, mesturado coa xente na saída dunha misa de defuntos, oíu falar dunha vella, moi vella. Que vivía nunha aldea de Vimianzo e que ó parecer, acababa de cumprir os cen anos, e dicíase dela, que era medio meiga. Experta en facer feitizos e que podía falar cos mortos.

Varios días pasou Fuco, flotando polos camiños. Ata chegar a Vimianzo. A pesar de que non tiña que move-las pernas para avanzar, a velocidade era a mesma que se fose a pé. Cando chegou á casa da Tía Pura, que era como lle chamaban na aldea. Quedou cerca da porta sen saber que facer, xa que non quería asusta-la anciá. Aínda non levaba nin dous minutos diante da porta, cando saíu unha voz grave e trémula pola idade.

_Pasa Fuco. Levo tempo esperándote.

Tivo que pensalo dúas veces, antes de entrar, ¿Como era que esa muller o coñecía, se nunca estivera nesa aldea?, e ¿como puido saber, que estaba fóra esperando?. Abriu a desgastada porta de madeira de carballo, e entrou nunha estancia diminuta.

Unha pota estaba ao lume, nunha pequena lareira, deixando un cheiro a fume e herbas queimadas, por todo o espazo. Removendo o contido da pota, estaba a muller máis vella que puidera imaxinarse. De pequena estatura e curvada, o que a facía, aínda mais pequena. Engurrada como unha pasa, sen dentes. Era todo ósos e pel. Pero cando lle mirou os ollos, puido ver unha mirada limpa, intelixente, que parecía dunha moza e non dunha vella. Uns ollos de cor abelá, cunha mirada que intimidaba do profunda que era.

Falou moito coa vella, e decatouse de moitas cousas. Como ben dicían os aldeáns, podía falar cos mortos, pero non con todos, só cos que a buscaban para falar. E un deles fora Manuel, o primeiro amigo de Fuco, que lle avisou á Tía Pura de que estaba a chegar. Dende o outro lado da morte, e a través da boca da Tía Pura, contoulle todo o que lle conviña saber das pantasmas. Parece ser que coñecera a algún. Polo que dixo, son tan poucos e están tan espallados polo mundo, que case se contan cos dedos das mans. Confirmoulle que só as persoas maiores de cen anos, os nenos menores dun e os animais, poden velo e falar con el. Que como xa tiña experimentado, podía intervir nas cousas humanas a nivel físico. Cando quixo que lle preguntase a Manuel, como podía facer para deixar de ser unha pantasma. Ir ao ceo, ou ao inferno, ou onde se supón que vai a xente ao morrer. Non souberon contestarlle.

Pasaron varios anos na casa da curandeira, facéndolle algún que outro favor. Asustando a algún veciño que o merecera, e parándolle os pés ao cura, cando intentaba desprestixiar as curacións da Tía Pura.

A pesar de ser un espectro, e de ter problemas para coller as cousas materiais. Soubo aprender, e aprendeu moi ben. Certo é que non tiña outra cousa mellor que facer, e comezou a poñer interese na preparación de remedios e beberaxes. A maioría deles, feitos con herbas medicinais recollidas nos eidos da parroquia. Outras feitas con plantas, traídas mais alá do mar. Menciñas, emplastos, feitizos, algún filtro amoroso, e remedios contra o mal de ollo. Fuco, coñecía moito da natureza, e sabía onde atopar aquelas herbas, e como e cando recollelas. As medicinas funcionaban de verdade, así como os apósitos, que estaban baseados en receitas de antigas menciñeiras.

Por outra banda, os filtros e os remedios, contra embruxados e ameigados, non era máis que un conto chinés. A xente confiaba tanto na Tía Pura, que calquera cousa que ela ordenase facer, era feita de inmediato, e ademais, sempre funcionaba. Os meigallos desaparecían, as calamidades parecían remitir, e ata melloraba o tempo. Todo isto non era mais que suxestión, pero o certo é que funcionaba.

Recoller una planta de mimosa. Cortala de raíz no momento que a agulla do reloxo marca as doce da noite. Xuntala con auga de orballo, recollida nun vaso de cobre, durante toda a noite. Botarlle unhas gotas de vinagre. Tras fervela e escorrela, empapar unha prenda da persoa que se quere, neste líquido e poñelo debaixo da cama onde dorme, durante a lúa chea. Con isto conseguiremos o amor incondicional da outra persoa. Receitas como esta, que variaban segundo o ánimo da Tía Pura, e que dicía que para cada individuo os filtros eran persoais. Aprendeunas Fuco. Máis que memorizalas, aprendeu a inventalas. Bebedizos feitos con allo e herba Luísa, para os males do estómago. Apósitos de arxila para queimaduras e negróns. E un liquido moi solicitado polas mulleres, feito dun extracto de papoula, que servía como anticonceptivo. Moitas foron as receitas que o Fuco aprendeu.

Mandado pola Tía Pura, metíase na casa dos veciños. Aproveitándose da condición de pantasma, decatábase do que pasaba na aldea. Podía escoitar esas conversas, que só se dan na intimidade, sen ser descuberto. Podía saber de que pé coxeaba cada veciño. As súas preferencias sexuais, os hábitos alimenticios, e ata da conduta na casa, que non adoita ser a mesma que a que se mostra fóra. Desta maneira, Tía Pura, pasou de ser unha curandeira, máis ou menos boa, a ser unha adiviñadora excepcional. Os veciños descubriron asombrados que sabía tanto das súas vidas coma eles mesmos. Os remedios, foron máis eficaces. Ao coñecer as debilidades dos veciños, tamén sabía que remedios lle podían ir mellor. Non cabe dúbida, que a Tía Pura, era una experta psicóloga. Non pór ter estudos senón polos anos vividos.

Os anos da Tía Pura, foron avanzando. Cada vez estaba máis engurrada e máis pequena. Fuco, deuse conta de que o tempo de gozar da compañía da vella curandeira esgotábase. Decidiu deixala. Non quería vela morrer. Estaba farto de sufrir, de ver como todas as persoas coas que se agarimaba, acababan desaparecendo ó cabo dun tempo. Falou con ela e contoulle que voltaba á súa aldea natal. A Tía Pura, non puxo impedimento. Deulle as grazas e pediulle perdón.

Perdón por ocultarlle unha información que podía ser importante. Unha información que lle ocultou para que non se fora, por puro egoísmo. Existía unha forma para deixar de ser unha pantasma, para ser outra vez un ser humano e vivir a vida de novo. Non era sinxelo de conseguir: Só tes que ser recordado e amado.

Converteuse nunha pantasma, pola sinxela razón, de que foi esquecido por todos. Nin siquera quedaba unha tumba, que dese certeza de que existise. E agora, tiña que atopar a alguén que o lembrara, despois de tanto tempo. E ademais de ter que ser recordado, tiña que namorarse dunha persoa e ser correspondido. Só desta maneira, podería volver a ser humano. Ao escoitar isto, comprendeu que o resto da súa existencia, sería unha pantasma. Non envellecía, pero miraba a xente envellecer. Non comía pero facíaselle a boca auga ó mirar comer. Non durmía e pasaba as noites mirando as estrelas. Comprendeu que non tiña nada que facer, só deixar que o tempo pasase lentamente.

E pasou moito tempo: Décadas, lustros, anos, meses e días. Ata que algo pasou.

Unha moza, da aldea de Fuco chamada Luísa, acababa de enterrar o seu pai. Coma case todos os que non tiñan cartos, e non posuían panteóns, eran enterrados no chan. Nunha tumba, que non era máis que un pequeno montículo de terra, rodeado de pedras. Da mesma maneira que fora enterrado Fuco.

Luísa, que era laboriosa e moi ordenada, molestáballe que na tumba do seu pai, cada vez foran desaparecendo as pedras que a rodeaban. Non sabía o motivo, pero cada vez que ía o cemiterio, Unha vez por semana, topaba a tumba sen algunha pedra.

Nunha destas, buscando algunha pedra que poñer na tumba, atopou unha esbrancuxada e un pouco redondeada, estaba medio enterrada no chan, e comezou a desenterrala. Escarvou ata que se deu conta de que non era unha pedra, senón unha pequena lápida, cun nome xa descolorido que poñía Fuco. Luísa preguntouse: Quen sería ese home que esta enterrado o lado do meu pai?.

No momento no que Luísa descubriu a lapida e leu o nome de Fuco, Este notou algo raro, unha sensación estraña. Non sabía describila, pero foi como un calafrío quente, como unha caricia dentro dos ósos.

Luísa deixou a lápida de Fuco, de calquera maneira tumbada no chan, pero cada vez que visitaba ao seu pai, botáballe una ollada a aquela lapida. Deuse de conta que non podía deixala tirada e púxoa de pé. Máis ou menos, onde debería estar a tumba, xa que todas estaban en liña. E foi colocando pedras, facendo a forma dun corpo. E foi deixando flores, ao principio quitáballe algunha o seu pai, pero despois comezou a traer para as dúas tumbas, e a coidar a de Fuco, como se fose da familia.

Fuco, cada vez tiña unhas sensacións máis raras polo corpo. Ás veces parecía que tiña sabañóns, notaba comechón e tiña que rañar a carne que non existía. Comezou a notar cansazo e ata unha vez creu que estaba suando.

Dende o primeiro día que Luísa topara a súa lápida, Fuco non se apartaba do seu lado. Non a asustaba. Estaba tan agradecido, que non quería estragar aqueles momentos. Simplemente, pasaba a maior parte do tempo mirando como aquela rapaza facía as labores do campo e da casa. Como el, ela tamén estaba soa. O que tiña que pasar, pasou… E Fuco namorouse da rapaza.

Tiña esperanza. Por primeira vez, despois de tanto tempo, cría que podría volver a ser humano. Pero… como comunicarse con Luísa. Podía mover cousas pequenas e tocar a xente pero tiña medo a asustala. Pensou a mellor maneira de achegarse a ela, de darse a coñecer. Podía falarlle, pero para que ela escoitara unha voz moi lonxe, el tiña que berrar con todas forzas.

Unha vez chamouna. Ela, ao escoitar seu nome, sen saber de onde viña aquela voz, quedou abraiada. Así que Fuco non volveu a intentalo.

Un día tivo unha idea. E rapidamente púxoa en práctica. Comezou a falarlle en sonos. Mentres Luísa durmía profundamente. Fuco, ao seu lado, berraballe preto da orella. E comezou a contarlle a súa vida. A súa conversión en Pantasma. As súas esperanzas.

Luísa, ao principio, estrañábase dos sonos raros que tiña, ao pouco tempo desexaba deitarse cedo, para soñar con aquel rapaz, que sempre aparecía no seu sono. Ela falaba en voz alta namentres durmía, e Fuco contestáballe. Mantiñan, dentro das limitacións, unha conversación. Ao cabo dun tempo comezou a pensar que aquilo era algo máis que sonos.

Coma por encantamento, o que parecía imposible, realizouse. Estas dúas persoas, namoráronse dentro dos sonos. Cada noite, Luísa, aínda medio desperta, chamaba por Fuco e este contestáballe. Collíaa da man e acariciábaa. De cando en vez, plantáballe un bico nos labios. Nunca estiveran tan separados e tan xuntos. Dúas mentes unidas por un sentimento único. Un amor sen complexos físicos. Un amor puramente sentimental. Un amor dos sentidos.

Unha tarde de verán. Luísa adormentaba a sesta, soñando co seu namorado e sentindo unhas mans que lle acariciában o cabelo. Estaba nese estado de entresoño, no que non sabes ben se estas durmida ou desperta. Ata que se decatou de que non estaba durmida. Que estaba ben desperta e seguía sentindo unhas mans que lle acariciaban o cabelo, incorporouse de súpeto asustada. Seguía escoitando aquela voz, que lle falaba en sonos e que agora intentaba tranquilizala. Deixou de ter medo, e decatouse de que aqueles sonos tiñan algo de realidade. Relaxouse e deixouse levar. Aquela voz, seguiu falándolle. Aquelas palabras, que soaban tan lonxe, tiñan algo familiar. Era unha voz coñecida que parecía falarlle desde dentro da cabeza. Comezou a pensar que aquel Fuco, que lle falaba nos sonos, era real. Imaxinouno ao seu lado. E desexouno con forza, con toda a forza da súa mente, que non era pouca.

Deixou que aquelas caricias continuasen, que pasasen do pelo ás meixelas, que se parasen nos ollos, nos labios e nas orellas. Que continuasen por lugares do seu corpo inexplorados, por pregos da pel escondidos, por zonas onde se espertaban sensacións nunca antes sentidas. Esgotada, Luísa quedou durmida.

Cando espertou, ao seu lado durmía un mozo totalmente espido. Botaron muito tempo abrazados, falándose. Coñecéndose mellor do que xa se coñecían.

Marcharon da aldea, e foron acabar nunha vila de Pontevédra. Onde viviron moitos anos, axudando aos veciños, con bebedizos, feitizos e apósitos. Morreron xa moi vellos e eran tan queridos polas xentes, que foron enterrados xuntos. Nunha bonita tumba de granito, que pode contemplarse na entrada do cemiterio. Franqueada por un enorme anxo de mármore.

Nunca tiveron fillos e polo tanto, non deixaron constancia desta historia. A min, contouma o meu avó, e véndoa tal como a comprei.

FIN

 

 A finales del 2009, me matricule en un curso de Gallego y entre otros ejercicios, me pidieron que escribiera una redacción. Yo escribi este cuento que acabais de leer. Años más tarde, este cuento se convirtió en la novela Un Fantasma Inquieto. (El cuento lo escribí en una tarde y la novela me llevó cerca de un año)